miércoles, 17 de octubre de 2012

MARÍA SOLIÑA


MARÍA SOLIÑA
PROCESADA POLA INQUISICIÓN
 
FOTO: XOAN ARCO DA VELLA
     Desta muller, que aparece reflectida na literatura poética e tamén musicada en numerosas ocasións, temos poucos datos persoais para reconstruír a súa vida. A fonte máis fidedigna é o "Memorial al Rei" (enviado en 1617 por Jerónimo Núñez, procurador de Cangas).

     Tanto nos arquivos notariais como no arquivo da Inquisición non se atopan documentos que permitan ter datos con respecto ao xuízo inquisitorial que a condenou nin das súas riquezas e propiedades, que se estenderían polas freguesías de Aldán e Moaña. Os datos históricos sinalan que entre os anos 1599 e 1639 os corsarios, que reciben este nome por teren licencia real, e os piratas, que normalmente traballan pola súa conta pero que poden repartir beneficios coa coroa, tanto de orixe holandesa coma francesa, atacan, asaltan, rouban as costas de Vigo e a península do Morrazo. No ano 1617 Vigo foi atacada por naves turcas berberiscas; a península do Morrazo sufrirá tamén estes ataques. As mulleres, igual que ocorrera na Coruña con María Pita, defenden as costas dos ataques piratas e moitas veces son violadas e torturadas, ademais de roubadas, nestes ataques. Posteriormente a estes feitos varias das mulleres que organizaron a resistencia nas costas do Morrazo foron acusadas de bruxería ante o Tribunal da Inquisición. Unha delas sería María Soliño, apelido seguramente moito máis real que Soliña, derivación daquel. A Inquisición confiscaba, previamente aos xuízos, os bens das persoas procesadas e partía sempre da base da culpabilidade, tendo que ser a acusada a que demostrase a súa inocencia. Ademais, a denuncia ante a Inquisición podía ser anónima.

     María Soliña, xunto con outras compañeiras, foi encarcerada, torturada; os seus bens foron confiscados polo Santo Oficio e ela condenada por bruxería. Malia que é certo que non foi queimada viva, como moitas outras mulleres desa época, a loucura, a fame e a miseria foron as que remataron coa súa vida; pasou a converterse no símbolo do sufrimento do pobo, e moi especialmente das mulleres, perante o poder e o despotismo.


AUTORA: ENCARNA OTERO CEPEDA
 
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario