Neles adoita haber cruceiros ou petos de ánimas , que son obxectos de culto e parte integrante da paisaxe galega. Os cruceiros
naceron unhas veces para cristianizar lugares de antigo culto pagán,
para substituír quizais monumentos dedicados a divindades primitivas ou ós lares viais, que eran os deuses dos camiños na Gallaecia romana.
Os cruceiros,
sen embargo, non son exclusivos das encrucilladas, hainos que marcan a
fronteira coa parroquia veciña -cruzamentos de termo-, outros sinalan
cada estación do vía crucis e outros recordan un accidente mortal ou un
fusilamento. Algúns levan unha inscrición co nome de quen o mandou
facer, co fin de pedir unha oración pola súa alma ou polos defuntos, en
xeral. Ante os cruceiros paran os cortexos fúnebres que se dirixen ó
cemiterio e incluso se coloca o ataúde sobre unha mesa de pedra que
algúns teñen; alí recítanse responsos.
Noutras encrucilladas de camiños pode haber petos de ánimas,
petos para as almas do purgatorio, formados por un retablo onde arden
en chamas as almas do purgatorio, mentres a Virxe ou algún santo as vén
sacar de alí cun escapulario ou cun cordón para que se agarren a el.
Colócanse nos camiños para que os viandantes recen polas almas
necesitadas.
Nos cruceiros aparécense as ánimas e dan sinais de que alguén vai morrer pronto. As bruxas
reúnense nas encrucilladas, especialmente diante dos cruceiros. A
encrucillada é elemento imprescindible para ritos catárticos,
profilácticos e de fecundación. A muller que abortou debe
bautiza-los seus fillos non natos no cruzamento dun río cun camiño. A
noite de San Xoán préndese o lume en moitas encrucilladas de camiños;
tamén se queiman as bruxas.
A importancia das encrucilladas vén dada por se-lo lugar de encontro do outro mundo -ánimas , bruxas e demos- cos deste. Na encrucillada conflúen os camiños procedentes do mundo oculto/deshabitado e os do mundo visible/habitado
O cemiterio
é o espacio central da parroquia. Tódolos núcleos de poboación
-aldeas- teñen camiño directo ó cemiterio; as aldeas son unidades
constitutivas, orixinais do hábitat de Galicia, mentres que a parroquia
é a unificación de diferentes encrucilladas no cemiterio, por
influencia quizais da institución parroquial católica, segundo M.
Mandianes.
No momento de enterra-lo cadáver, os parentes e amigos collían un
pouco de terra, bicábana e botábana sobre o féretro. O defunto queda
alí acompañado de parentes e veciños. O cemiterio é un lugar de
encontro entre o mundo dos vivos e o dos mortos: tamén facilita a
comunicación entre os membros da parroquia vivente, pois é lugar de
reunión e de charla amigable en días de enterro e tamén os domingos
antes e despois da misa, sobre todo cando os cemiterios rodeaban a
igrexa e formaban parte do adro.
XOAN ARCO DA VELLA
No hay comentarios:
Publicar un comentario